Pazo de Sabadelle
Diverciencia 2008. Granxas Dixitais. O CEIP Compañía de María visita Pazo Sabadelle.
O pasado día 14 de outubro do 2008 o colexio Compañía de María de Santiago de Compostela participou no proxecto “Diverciencia. Granxas Dixitais”, para o que previamente fora seleccionado.
Os nenos e nenas de oito anos de idade, tiveron a oportunidade de gozar dunha xornada didáctica en tres granxas de Galicia seleccionadas para o desenvolvemento das actividades. Os participantes organizáronse en tres grupos diferentes, cada un deles de 25 nenos, e acompañados dun mestre e técnicos do grupo de investigación Gis-T para visitar as granxas de Pazo de Sabadelle, Casa Peregrina, Casa Fente, todas elas localizadas en distintas áreas xeográficas de Galicia.
A saída tivo lugar dende o propio colexio ó redor das dez da mañá e as facianas dos nenos amosaban interese e curiosidade por coñecer as granxas, pois para a maioría deles era o seu primeiro contacto. Unha vez dentro do bus, foron obsequiados cunha camiseta deseñada exclusivamente para “Diverciencia. Granxas Dixitais”.
Unha das granxas visitadas por este colexio foi Pazo de Sabadelle situado no termo municipal de Chantada (Lugo), na parroquia de Sabadelle, zona de abundantes casas señoriais e de gran beleza paisaxística. Ó chegar ó Pazo, fomos recibidos polo granxeiro, Xosé Inocencio, que se dedica á produción ecolóxica de carne de becerro, años e capóns, aínda que tamén cultiva produtos como remolacha, cebola, leituga, etc.
Interior do Pazo de Sabadelle
Tralo recibimento e a presentación do interior do pazo e zonas colindantes para uso exclusivo de animais, comezamos co traballo diario que se fai nunha granxa. A primeira actividade foi dar de xantar ós animais, pois como todos nós teñen unha primeira comida de mañá. Alí puidemos ofrecerlle ós porco as mazás recollidas das froiteiras de Xosé, e cada un de nós depositaba as súas mazás na maseira onde todos os días bótanlle a comida.
Terminado este traballo puidemos observar como un xato mamaba da súa nai, mentres ela, á súa vez, comía os pensos ecolóxicos preparados para os animais.
Ó remate desta actividade, acercámonos ó curral para dar de comer ás galiñas e os capóns, e recoller os ovos que deixaran as galiñas en medio da palla. Os cativos pelexaban por darlle de comer ós animais, e Xosé, que en cada momento atendía as demandas dos nenos, trouxo máis comida para que os rapaces puideran repetir a actividade as veces que quixeran.
Cando esta actividade estaba rematada, pasarían a levar o gando ós pastos próximos ó pazo, e todos impacientes esperaban o paso dos animais.
O tempo ía pasando e as facianas dos nenos amosaban confianza e desexos de seguir traballando nas labores da granxa. Outra das actividades foi a recollida de belotas no monte para que cada un dos nenos sementara un carballo co seu nome, e poder deixar en Sabadelle a seu testemuña.
Todos os nenos e nenas plantaron a súa árbore
Durante o xantar, Xosé explicounos moi detalladamente como vivían as persoas nas casas rurais cando el era neno e puidemos ver e tocar a olería elaborada artesanalmente para o viño.
Tralo xantar, e cos estómagos ben enchidos, dividímonos en dous grupos para realizar o resto das actividades programadas. Mentres un dos grupo debuxaba o que viramos ó longo do día, outros participaban na elaboración artesanal dun queixo, algo que para os cativos foi toda unha experiencia. Foi realmente sorprendente o que chegaron a pintar os rapaces, con dedicacións para o granxeiro que, emocionado, decidiu que todas estas obras de arte gardarías nas súas mans como recordo dos nenos do colexio Compañía de María que un día de outubro visitara o Pazo de Sabadelle.
A visita á Granxa Pazo Sabadelle foi unha xornada inesquecible para os rapaces, onde non faltaron os xogos e as cancións.
Escoitar: "Tengo una vaca lechera..."
Antes de marchar, os rapaces quixeron facer a "foto de familia" co granxeiro
Ó remate das actividades volvemos ó colexio e co recordo na súas mentes de todo o acontecido, e un pequeno agasallo por parte de Xosé: unha bolsa con castañas, noces e avelas.
Queremos agradecer dende o grupo de investigación GIS-T da Universidade de Santiago de Compostela a colaboración de Xosé Inocencio, o granxeiro de Pazo Sabadelle, así como a participación do colexio Compañía de María no proxecto Diverciencia. Granxas Dixitais.
Os nosos produtos